O fiscal superior ve na educación a alternativa aos centros de menores


O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, avanzou este luns que espera que o 50% dos menores condenados por algún delito poidan evitar entrar en centros de internamento a través da aplicación de mecanismos de mediación que “potencien” o emprego de medidas socio-educativas.

Así o apuntou Varela acompañado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, durante a súa visita ao centro de reeducación específico de menores Concepción Arenal, da Coruña.

O fiscal superior explicou que a Lei de Responsabilidade Penal do Menor permite a aplicación de mecanismos de mediación para “potenciar” a reinserción dos menores que cometeron delitos que teñen que ver cos furtos, as pelexas ou a seguridade vial.

“Non poderán beneficiarse todos”, matizou Varela, quen se mostrou confiado en que, deste xeito, e durante os dous próximos anos, a metade dos máis de 1.300 menores que o ano pasado foron levados ante o tribunal poidan reinserirse na sociedade e, desta forma, saír do “circulo delituoso e penal”.

Para iso, Varela especificou que a lei establece que o menor debe arrepentirse dos seus actos, reparar o dano causado e pedir perdón á vítima, algo do que, ata agora, “só se beneficia o 15%”.

MÁIS MEDIOS

Carlos Varela subliñou que é “importante” reforzar os servizos técnicos de menores que, na súa opinión, son os encargados de “aconsellar” aos xuíces e aos fiscais cales son as “mellores medidas” para aplicar en cada caso.

Sobre este asunto, Beatriz Mato anunciou que a Xunta autorizou a contratación de dous novos psicólogos para os centros da Coruña e de Pontevedra que, segundo a conselleira, se suman aos “18 xa existentes en toda Galicia”.

“Sabemos que se aplicamos as medidas socio-educativas é máis difícil que volvan delinquir”, comentou Varela, quen subliñou que o 95 % dos menores que se beneficiaron delas o ano pasado “non reincidiron”, mentres que case a metade dos mozos que non as recibiu na provincia da Coruña “si o fixeron”.

Por todo iso, a conselleira de Traballo asegurou que é “fundamental” apostar pola “reinserción” duns mozos aos que, na súa opinión, é “determinante” poder ofrecerlles unha “boa formación” para que poidan volver con “garantías” á sociedade. Pola súa banda, o titular de Presidencia comprometeuse co reforzo dos medios para potenciar a mediación.

Crónicas - Visita un centro de menores

http://www.rtve.es/alacarta/videos/television/cronicas-visita-centro-menores/624453/

Fuente: http://www.xornal.com/artigo/2011/04/26/sociedad/fiscal-superior-ve-na-educacion-alternativa-aos-centros-menores/2011042600294500332.html



Instituto Europeo Campus Stellae

www.campus-stellae.com
live@campus-stellae.com
+0034 981522788
Formación: bonificada - F.S.EBECAS 60%

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Queremos saber lo que opinas. Gracias por colaborar.